25 de novembro de 2012

Anxo Angueira

Que foi de María?

As Sagres todas perdéronse sementadas trala pasante do Carreiro. O sol cenital escacha os espellos brancos das areas da Vionta. Aboia o con de Noro xigantesco, furado por Excalibur, entre xerfas papexantes, coma un faro imperdible. Deitada no azul de Sálvora, o mar das despedidas, unha llla de todo, a illa dos cabalos bravos, ceibes do monte, navega lene, cara a Aguiño para atracar no peirán encaixada entre a Covasa e o con das Vieiras.

─Que foi de María, Lens?

Por couse, o pinal de Tragove ficou xa dúas singraduras a barlovento e están a piques de se perderen os portos dos Padroneses e Meloxo do Grove. O Pombeiro, despexado e quente, enxuga as ás abertas de corvos mariños e araos dos cons. Unha man de crías de carráns patuxan nos Pateiros.

─Resiste coma unha muller, fode coma unha muller, sofre coma unha muller, pero chora coma unha pícara.

─Iso xa o sabía.

◊ ◊ ◊

 

Fragmento de Iria de Anxo Angueira
publicado por Xerais


Manuel Rodríguez Alonso, A épica dos traballadores, galiciaconfidencial.com

 

Vionta é a meirande das illas medianas, cuns 200 metros de ancho por uns 600 de lonxitude; o curuto máis alto, de 12 metros de altura, coñécese como Galo de Vionta. O illote de Noro, moi próximo, ten forma de montículo piramidal. A súa face ameazante, de estrañas e impoñente figuras, fixo xurdir a crenza lendaria de que a Santa Compaña accedía a este noso mundo a través deste illote. Outra das illas medianas, de menor sona, é a Herbosa, que se ergue ata os 16 metros no seu punto máis alto.

A illa de Sagres, máis preto da costa, en fronte á punta Falcoeiro, é moi pedregosa. Sobre ela tamén circula algunha que outra lenda, a máis coñecida das cales é a que dá nome a unha rocha de fisionomía singular: o Home de Sagres. A historia conta que o home de Sagres e o Falcoeiro anhelaban o amor dunha mesma muller; os dous pelexaron e varias partes do corpo do vencido foron parar ao mar, preto do lugar da loita, dando orixe a moitas denominacións. Así, as moas foron dar ao Carreiro, os cairos caeron máis aló dos Prexeiros e as Quixadas preto da punta de Couso. O Home de Sagres púxose a descansar na illa que lle pertencería por dereito propio para sempre.

Da web do concello de Santa Uxía de Riveira, riveira.es

 

Iria ~ Xerais