Amosando publicacións coa etiqueta d4a4. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta d4a4. Amosar todas as publicacións

19 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Adeus

 

Manuel Antonio - De catro a catro p45

Manuel Antonio - De catro a catro p46

 
ADEUS

    Antre a calima
                            traspondo o meu ollar
    esquivou-se o velamio
    Deixou-nos a badía
chea d’a sua ausenza
e a mañán sin perspectiva

    Agora en terra
    arredado de min mesmo
por un oucéano de singladuras
    o vento d’a Ría
vai virando a folla de cada emoción

    –O Sol indeferente
    Sirena augardentosa d’os vapores
    un retrayo de fume
n-o rompeolas d’a paisaxe
    Os engranaxes d’a grua
esmoen a mañán morna–

    Debaixo d’os meus pasos
xurde o ronsel d’a Vila natal
    Ela c’os brazos cheos de sono
teima salvar-me d’un naufraxo antigo
    E os meus ouvidos incautos
queren dormir n-o colo
d’as cantigas vellas

    Eu cacheaba todol-os segredos
d’as miñas mans valdeiras
    por que algo foi que se me perdeu n-o Mar

    …alguén que chora dentro de mín
por aquel outro eu
que se vai n-o veleiro
                                   pra sempre
                                   coma un morto
c’o peso eterno de todol-os adeuses.

►Esp.

18 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Ao reverso d’a noite

 

Manuel Antonio - De catro a catro p43

Manuel Antonio - De catro a catro p44 

AO REVERSO D’A NOITE

    Loceiros degolados
desangran-se de ouro n-o Mar

    De par de nós
                           a Lua
fai ronseles infecundos

    Mentres sonea a mareta
vai folleando n-o libro d’as velas

    Irredentos velamios eshaustos
resiñados a pendurar d’a cruz

    Estrelas inconscentes
mecanizan o ouseso tic-tac

    A auga toda d’os oucéanos
ensumeu-se n-unha bágoa

    E o pano branco d’o novo día
enxugará os ollos d’o ceo.

►Esp.

17 de decembro de 2011

Manuel Antonio - S. O. S.

 

Manuel Antonio - De catro a catro p41

Manuel Antonio - De catro a catro p42 

S. O. S.


    Todos presentiamos que a noite
preparaba algún sofisma
    E o faro estraviado
daba o S-O-S
n-o morse
                –clave Orión–
                                       d’as estrelas

    Eses brazos abertos d’a vela
son os mesmos d’o vento
que se despreguizou
    N-a man d’o Mar esquencidizo
os loceiros peteiran a bicada
    A estrela d’os cabarets
    c’un cigarro n-os beizos
    pide lume aos catro puntos cardinaes
    Pol-a Galaxia chea de seixos
un astro vello vai c’o seu farol

    Que dan os almanaques
pra esta meia-noite?
    Pero aínda non sabemos
de que banda vai chegar a meia-noite
    E o faro estraviado
vai esgotar o seu stock de S-O-S.

►Esp.

16 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Lecer

 

Manuel Antonio - De catro a catro p39

Manuel Antonio - De catro a catro p40 

LECER


    Gavotas que levan n-o peteiro
as cartas d’os mariñeiros namorados
    Vapores burgueses
que nos ofrecen o remborque d’o seu fume
    Pero as nosas velas encalmadas
espantan a bandazos
as horas como moscas

    Vigo está tan lonxe
que se desourentaron as cartas mariñas

    Unha pipa mais
                             de vagar
    deica ver a hora que da o reloxe
    Entra unha fría de vento?
                                               ―moi ben!

    Enrolará-se a pausa
n-as suas espiraes

    E non sabemos
    (abonda xa de paréntesis)
engadir-nos outra volta
a todo eso que se nos esquenceu.

►Esp.

15 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Descoberta

 

Manuel Antonio - De catro a catro p37

Manuel Antonio - De catro a catro p38 

DESCOBERTA

   Quen fechou esta noite
a fenestra azul d’o Mar?
   Este Mar fuxitivo
de todal-as riveiras
   Náufrago d’o neboeiro
que desviou o rumbo
d’os puntos cardinaes

   Ficaron as gavotas
tres singladuras a sotavento
   Desourentaron-se os arroaces
   intrusos e impunes

   Hoxe ninguén dá c’a relinga
pra aferrar os panos d’o horizonte
   E este serán tampouco
Engayolaremol-o Sol

   O Sol era un paxaro triste
que se pousaba n-o penol

►Esp.

14 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Calma de 6 a 8

 

Manuel Antonio - De catro a catro p34

Manuel Antonio - De catro a catro p35

Manuel Antonio - De catro a catro p36  

CALMA DE 6 A 8


    N-a xerfa esbara o Sol
tras d’os ausentes oleaxes
    As velas frouxas
    póstumo rompeolas d’os chubascos
    cosen os farrapos con fíos de sol morno

    Unha gavota ventrílocua
peteirando n-o urro inmorredoiro
que os afogados deixaron aboyando

    O sol-por fechará-se
dentro d’o máis intauto disco
    As nosas pipas atentas
    acobadadas ao lecer
    Un intre o vapor intruso
coseu de presa a relinga d’o horizonte

    Alén d’o mundo
está o castelo de proa
    Hai un mariñeiro vello
que ven de volta de todol-os naufraxos
    E trai o fío d’as aventuras
                                 –non se sabe o remate–
que as dársenas estantías
viron evadir-se a bordo d’as bric-barcas
                    ―O capitán Pardeiro
                    non afogou
                    «Perdeu-se» canda o bergantín–

     Axustou-se a xordina
     largacía coma unha nosa ollada
    a buguina d’o Mar
    Tremela n-a mareta levián
un remorso ou pesadelo
    O navío
                as mans trincadas
vai borrando c’os pés  o ronsel

    Xa non virá o vento
por que a noite fechou todal-as portas
                                      –Esa luz desvelada
                                      n-a fenestra d’a Lua–

    Ao bater a hora imprevista d’o relevo
coseu as adoas soltas
d’o toque d’as Trindades
    O ceo foise abuado e friorento

    Todo finou?
                      Oh miragre!
    As mesmas estrelas
    aínda están
    aínda están alí.

►Esp.

13 de decembro de 2011

Manuel Antonio - A estrela desconecida

 

Manuel Antonio - De catro a catro p32

Manuel Antonio - De catro a catro p33 

A ESTRELA DESCONECIDA


    Eu vin-te decote acobadada
n-aquela fenestra
                             –tan a trasmán!
    que penduraches d’unha constelación

    O horizonte arrincaba cada día
    pra tí
    a folla d’almanaque d’unha vela

    Pero nunca s’ennmallou
n-a falsa rede d’os mapas celestes
a tua loira virxinidade
                Cómplice a noite
                engayolaba o sestante d’os mariños
                inxénuas perversións catalogadas

    Viuva reiterada de todol-os vinte anos
que os mariñeiros repiten
cada volta que afogan
    Endexamais souberon os cadavres sin rumbo
que tí os amortallabas c’o teu ollar

    Emproáramos a meia noite
    A sotavento d’a nosa singladura
vai decote unha nube desarbolada
    C’a sua esponxa de sombra
borrou pra sempre o teu mudo perfil

    A alba nova sorprendeu-me
cacheando antre os loceiros
unha despedida que se me perdeu.

►Esp.

12 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Lied ohne Worte

 

Manuel Antonio - De catro a catro p30

Manuel Antonio - De catro a catro p31


LIED OHNE WORTE


    Aboya un esbardar de marusías
tentando os ceos sin atopar a Lua
    Pero a Lua esta noite
desertou d’os almanaques
    Murcha antre duas follas
                    –violedas pensamentos–
d’o manual póstumo
                    –outono madrigaes–
que versifiquei eu

    Mansas vagas unánimes
reorgaizan-se detrás d’o vento
    Cando pase a rafega derradeira
dirá-nos adeus
c’o pano branco d’o gaf-tope

    Alude a un fracaso
de follas amarelas
    e renova-se a sorrisa d’os mastros
    sempre c’as ponlas novas e xoviaes

    Noiva miña
                      vestida de lua
    que romantizas
                              ¡tan cursi!
                                              pol-o xardín

    Sentei-me a proa
fumando a miña pipa
    Pero outra noite pensarei en tí.

►Esp.

11 de decembro de 2011

Manuel Antonio - O cartafol d’o vento

 

Manuel Antonio - De catro a catro p28

 Manuel Antonio - De catro a catro p29


O CARTAFOL D’O VENTO


    O vento perdeu as follas
d’o seu cartafol
    ―Esas que os chubascos
                                             mecanógrafos
    tecolean n-o manual d’os mastros?

    As gavotas non teñen quitasol
    pero fan raudos equilibrios
pol-o aramio transparente
de todal-as ortodrómicas d’o ceo

    O pailebote sin velas
    ―Serán esas que o vento
levou n-o seu cartafol?
    tamén fai equilibrios no ronsel

    C’a boca aberta
    –cai-lle a baba–
está mirándo-nos o babión d’o Sol.

►Esp.

10 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Balada d’o pailebote branco

 

Manuel Antonio - De catro a catro p26

 Manuel Antonio - De catro a catro p27


BALADA D’O PAILEBOTE BRANCO


    Escoitábamos o vento
    rindo-se malévolo
debaixo d’o seu disfraz
    E tamén contou o barco
a hestoria d’o piloto
a d’o gavieiro e a d’o rapaz
    Vós xa sabedes todo
    Eso que din as estampas
d’o libro de Simbad
    Pero él contou-nos o resto
    «Estreaba o horizonte
unha largacía audaz»…
    O barco foi percorrendo
as cicatrices sentimentaes
que lle deixaron vellos navegantes
    E os adeuses que leva n-a vela
    grabados por miradas
tristes definitivas e distantes
    Un día fixo-se ao mar
c’a parola ceifada n-os beizos
    E xa nunca volveu
    Agora eu busco un vello mariñeiro
    ou unha hestoria d’o pailebote branco
    ou calquer cousa…
                                  ¿que sei eu!

    Escoitábamos o vento
    rindo-se malévolo
debaixo d’o seu disfraz
    Pero a hestoria d’o pailebote branco
non-a sabía o piloto
     nin o gavieiro
     nin o rapaz.

►Esp.

9 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Navy Bar

 

Manuel Antonio - De catro a catro p24

 Manuel Antonio - De catro a catro p25


NAVY BAR


    Este bar ten balances
    E tamén está listo
pra se facer á vela

    Encheron-nos o vaso
con toda a auga d’o Mar
pra compor un cock-tail de horizontes

    Pendurados d’as horas
    atlas xeográficos d’esperantos
están sin tradución
    E tatexan as pipas
c’o ademán políglota d’as bandeiras

    Ese cantar improvisado
                                            é o mesmo
que xa se improvisou n-algures

    Quen chegou avisándo-nos
d’esa cita noiturna que temos
c’o vento ao N E
n-a encrucillada d’as estrelas apagadas?

    Eiquí bebe de incónito
o Mariñeiro Desconecido
    –sin xeografía nin literatura–
    A noite d’os naufraxos
    c’o seu brazo salvavidas
    aferrará con nosco unha vela de chubascos

    O vaso derradeiro
estaba cheo de despedidas

    Pol-as ruas dispersas
ibamo-nos fechando
cada un dentro d’a sua alta-mar

  N-o repouso d’algún vaso
todal-as noites naufraga o Bar.

►Esp.

8 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Recalada

 

Manuel Antonio - De catro a catro p22

Manuel Antonio - De catro a catro p23 

RECALADA


    Atoparemos n-o peirán
as follas evadidas
d’o almanaque d’os nosos soños

    As novas ruas de sempre
eishibirán o escaparate
d’as mesmas noivas inéditas

    Fumaremos n-as pipas despeitivas
todal-as transeuntes
hostilidades mudas

    O vaso desbicado n-outro porto
remataremol-o eiquí n-o mesmo bar
    cabo d’o mariñeiro desconecido
    que nos repite a mesma
ubicua sorrisa loira

    N-os burdeles xa saben
que a nosa moeda
ten o anverso de ouro
e o reverso sentimental

    Os ecos imprevistos
d’o noso cantar sonámbulo
apagarán os focos d’a madrugada

    Mañán despertaremos
n-a ausenza d’esta xornada
    Esquivou-se unha folla
d’o diario efusivo

    Eramol-os espeutadores
n-a prestidixitación
d’unha hora artificial.

►Esp.

7 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Guarda de 12 a 4

 

Manuel Antonio - De catro a catro p20

Manuel Antonio - De catro a catro p21 

GUARDA DE 12 A 4


    Envergada n-un mastro d’a Lua
agarda-nos a meia noite

    O sino de proa
    emoveita voz astral
    zarpou bogando despedidas

    Extraviaron-se os pasos do Mar
n-os vieiros d’o vento desertor
    E perdeu-se pol-a popa
    desamarrado
    o ronsel

    Fomo-nos trasbordando
ao cabotaxe d’as constelacións
    Inventores de pseudo continentes
que imos a descubrir
    esculcamol-as roitas
balizadas de loceiros

    C’un faro na man
cronometramos o pulso d’as tormentas
que predín os semáforos astraes
    ―Prepara-se un naufraxo
    c’a ausenza cómplice d’o Sol!

                                    Vente ventiño d’o mar
                                    vente ventiño mareiro
                                    Vente ventiño d’o mar
                                    vente noso compañeiro
                                                            (popular)

    E as horas a sotavento
van desviando-se de nós

    A alba intrusa
bateu as catro horas
    Era o sino de proa
que tornaba d’o Mar
                                       a voz desarbolada
                                       o velamio frustrado.

►Esp.

6 de decembro de 2011

Manuel Antonio - …Ao afogado

 

Manuel Antonio - De catro a catro p18

 Manuel Antonio - De catro a catro p19


…AO AFOGADO


    Xa che levaran os ollos
    relingadores de lonxanías
e pescadores de profondidades

    Xa che levaran a voz
    asolagada n-a furna xiróvaga
por onde escoan as tempestades

    Xa che levaran os azos
enmallados n-a rede sonora
d’os cordaxes ereutos

    O vento aínda escovaba
c’as poutas d’escuma
    n-a xerfa
                    mais cadaleitos

    Ibas xuntando soedades
    Por un burato d’o Mar
chopaches un día a buscar-te

    A noiva goleta
    enloitada de branco
    que cose roitas esquencidas
    acena n-o vento as sus velas
como ese pano d’as despedidas.

►Esp.

5 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Sós

 

Manuel Antonio - De catro a catro p16 
Manuel Antonio - De catro a catro p17


SÓS


    Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós

    Roubaron-nos o Sol
    O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

    Roubaron-nos o vento
    Aquel veleiro que se evadeu
pol-a corda floxa d’o horizonte

    Este oucéano desatracou d’as costas
    e os ventos d’a Roseta
ourentaron-se ao esquenzo
    As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas d’o reloxe
    Pero tamén sabemos a maniobra
d’os navíos que fondean
a sotavento d’unha singladura

    N-o cuadrante estantío d’as estrelas
ficou parada esta hora:
    O cadavre d’o Mar
fixo d’o barco un cadaleito

    Fume de pipa           Saudade
    Noite       Silenzo      Frío
    E ficamos nós sós
    sin o Mar e sin o barco
    nós.

►Esp.

4 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Os cóbados n-o barandal

 

Manuel Antonio - De catro a catro p14 Manuel Antonio - De catro a catro p15


OS CÓBADOS N-O BARANDAL


    Atopamos esta madrugada
    n-a gayola d’o Mar
    unha illa perdida (1)

    Armaremos de novo a gayola
    Vai a sair o Sol
improvisado e desourentado

    Xa temos tantas estrelas
e tantas luas sumisas
que non caben n-o barco nin na noite

    Xuntaremos paxaros sin xeografía
pra xogar c’as distanzas
d’as suas áas amplexadoras

    E os adeuses d’as nubes
    mudos e irremediabes

    E armaremos unha rede de ronseles
pra recobrar as saudades
c’o seu viaxe feito
pol-os oucéanos d’o noso corazón.

_____
1) Mar adentro é unha illa d’auga rodeada de ceo por todas partes.

►Esp.

3 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Travesía

 

Manuel Antonio - De catro a catro p11

Manuel Antonio - De catro a catro p12

Manuel Antonio - De catro a catro p13


TRAVESÍA


    Troqueles reiterados
    o reloxe e o Sol
alcuñaron moedas efímeras
que repetían todas
a mesma cara e a mesma cruz

    A costa e o Mar
escamotearon unánimes dorsos
    permutadores d’a mesma
lonxincua evasión

    Temos un estrangoado diagrama
repasado por todol-os novelos d’horizonte
que viraron proa e a Rosa d’os Ventos

    N-a fasquía d’os barcos anónimos
postos a flote pol-a madrugada
    extraviados no roteiro d’o serán
    persistiron sempre
a mesma foula e o mesmo ronsel

    Ese intertroque de radiogramas
que reeditaron os faros e as estrelas
    dou-nos a multiplicación monótona
d’as mesmas letras d’o mesmo morse

    Foi a derradeira rafega de vento
quen nos desfollou de todal-as lembranzas?

    O Mundo
                   que xa non sabe
mais que repetir unha volta consabida
    rachou clandestinamente
as follas imprevistas d’os almanaques

    C’as nosas mans suicidas
    espallaremos n-o carroussel d’os ventos
os catro puntos cardinaes
    Mentres
                  o timoel
arrumbará proa a Ningures

    Repetiremol-os cansos corazóns
cronometrando monotonías

    N-as velas indecisas
    follea o vento un indelébel
álbum de leit-moti[v]s

    O minuteiro
                         (tic-tac)
asumeu o compás d’as travesías.

►Esp.

2 de decembro de 2011

Manuel Antonio - A fragata vella

 

Manuel Antonio - De catro a catro p9 Manuel Antonio - De catro a catro p10

 
A FRAGATA VELLA

    Tel-os ollos distantes
decorados de rostos xoviaes
    que os vellos mariñeiros
permutaron pol-os climas antípodas

   Levas n-o leme
un pulo de brazos tensos
que retorceron os largacíos
horizontes d’o mar

    O vento
                atortorando
    desfollou d’os velamios
outonos de mocedades

    Mercabas colares circunmeridiáns
n-os bazares d’estrelas.
    Amarrabas faros dispersos
c’o simblador calabrote d’o ronsel.
    Floreceches n-o Mar
primaveiras amargas
de foulas e escamallos

    Inda que o vento encalme
    tremela n-as tuas velas
unha rafega de transmigracións

    N-ese teu corazón inumerábel
    tamén enchen e debalan
as mareas d’o meu corazón.

►Esp.

1 de decembro de 2011

Manuel Antonio - Intencións

 

Manuel Antonio - De catro a catro p7

Manuel Antonio - De catro a catro p8


INTENCIÓNS


   Encheremol-as velas
c’a luz náufraga d’a madrugada
   Pendurando en dous puntos cardinaes
a randeeira esguia
d’o pailebote branco
                         C’as suas mans loiras
                         acenan mil adeuses as estrelas

    Inventaremos frustradas descobertas
    a barlovento d’os horizontes
    pra acelerar os abolidos corazóns
d’os nosos veleiros defraudados

    Halaremos pol-o chicote
d’un meridián innumerado

    N-a illa anónima
de cada singladura
esculcaremos o remorso d’a cidade
                 Ela noitámbula desfollará
                 como unha margarida prostibularia
                 a Rosa d’os Ventos d’o noso corazón

    Encadearemos adeuses d’escuma
pra todal-as prayas perdidas
    Xuntaremos cuadernos en branco
d’a novela errante d’o vento
    Pescaremos n-a rede d’os atlas
ronseles de Simbad

    E cazaremol-a vela
sobre o torso rebelde d’as tormentas
pra trincar a escota d’unha ilusión.

►Esp.