A ascensión de Hamlet
Cando a escritura da vida unificouse cos soños da morte
e todo foi revestido de treición na hora do presentimento
entón desenvainou a folla do seu corazón
e deixou que bebese o rocío febril dos lilios
e ollou o home en verdade como é o mundo
e o mundo como é o home en verdade,
pro, que era a verdade comparada coa certeza
que bogaba no mar da incertidumbre?
Soio el rei insomne deixaba seu peso en andas
somentes unha maxestade arroubada ós beizos da morte,
un cabelo de cera na brosa do segredo
e o estuche escusado na fronte sob unha presión eterna.
Ouh! a man pousada na pedra do poente
que o espectro percuraba entre as herbas da alma,
bieita foi a túa esixencia co final,
o teu sangue desperdiciado fundíndose na eternidade.
E o terceiro ollo cantou o rito do balance dunha ialma
e tiritaba como a semente sob o ceo do norte,
e o címbalo que clavou os argumentos da alegría,
desapareceu nas discrepantes trevas da noite.
E chamas brancas como manantiais botaban seu chumbo
as verbas voaron ó traveso das fendas da nao naufragada
deica a pedra rodaba nas ruinas axexantes
e a curuxa berraba na salada tormenta da luz.
Entón, viu a casa flotante
na terraza cegadora na boca da escuridade.
E os moldes da onda en pranto contra os cons,
onde a treición quebra cabrilleante en verde escuma.
Pro o portador do espanto coa boca cosida
rubía coma unha burbulla estoupada no geyser
e beilaba como unha esfera na eternidade
onde Xerónimo dormía desde fai tanto tempo.Traducido coa axuda de Berit Wösxtrom.
Traducción de Álvaro Cunqueiro publicada orixinalmente no Faro de Vigo e despois no libro Flor de diversos, editado por Galaxia en 1991.
Centenario Cunqueiro 1911·2011
0 comentarios:
Deixar un comentario na entrada