30 de outubro de 2011

Álvaro Cunqueiro / Li Po

 

O príncipe de Chao, onde vai?

Acompañándose cos seus pandeiros, pra min cantaban
os mozos de Len e de Chao. Fermosas rapazas
tocaban o laúde. As súas meixelas pintadas brillaban coma o sol.
As mangas do seu traxe, se bailaban, eran ponlas floridas que se abaneaban.
Funme achegando cun xerro de viño á máis belida delas,
que pra min nun recuncho tarareou as cancións de acolá.
Escoitábamos os laúdes, e como dende as escuras nubes
en ráfegas nos chegaba a súa música lonxana.
O príncipe de Chao, onde vai? Soio queda do pazo
o foxo de augas mouras, onde as ras croan.
Cada día, tres mil cabaleiros xantaban a seu carón,
pro, hai alguén por aí que se lembre do nome dun soio?
Xoguemos e vivamos, e derramemos a riqueza dos nosos días,
que ninguén sabe as coitas que trae o incerto futuro.

Traducido a partir da versión inglesa de Robert Payne.


Despedíndose dun amigo

Montañas azúes ó nordó das murallas.
Un río branco aparez e desaparez:
aquí nos separamos pra ir cada un soio
ó traveso de mil leguas de ermo.
A ialma, como unha grande nuben flotante,
a posta de sol, separación de vellos amigos
que cruzando as mans inclínanse a distancia.
Os nosos cabalos rinchan despedíndose tamén
namentras nos alonxamos.

Traducido desde a versión de Ezra Pound.


‘O príncipe de Chao, onde vai?’ traducción de Álvaro Cunqueiro publicada originalmente no Faro de Vigo e despois no libro Flor de diversos, editado por Galaxia en 1991; ‘Despedíndose dun amigo’ publicada no Faro de Vigo o 5 de novembro de 1978.

  Centenario Cunqueiro 1911·2011