2 de novembro de 2011

Álvaro Cunqueiro / Artur Lundkvist

 

Non, non é Escadinavia…

Non, non é Escadinavia como din ou maxinan,
nin xiquer en inverno.
Tódolos escandinavos din “ártico”
e non saben que quere dicir esta verba.
Hai máis auroras boreais nos poemas que na realidade
e as cornamentas dos alces endexamais rasgan a néboa.
A néboa que cae sober das dormidas vilas de provincia.
Pro mira como desaparez a cerca de madeira sob a neve
como unha casa azul cobalto amosa
as fiestras iluminadas dos seus tres pisos
coma se ardese por dentro.
Olla como mecen as lámparas os seus froitos
entre abidueiras de ponlas renegridas,
como as mulleres erguen os veus de loito pra sonarse.
Unha locomotora ábrese camiño na neve
e se descarrilase nada pasaría
xa que se deitaría nun montón de neve
e alí deixaríase deica enfriar.
Un raposo pode estar sentado horas e horas
contemplando as sorbas no sorbal
e tamén agardar atento diante dun furado
polo que fuxiu un rato.
O moucho cos seus ollos de ambre voa
tan silencioso que a paisaxe parece xorda.
Moitos paxaros saen dos bosques invernais
pra morrer a carón do home.
E cando chega o verán ollamos remexerse
un formigueiro que aparez onda un guante perdido.


Traducción de Álvaro Cunqueiro publicada orixinalmente no Faro de Vigo e despois no libro Flor de diversos, editado por Galaxia en 1991.

  Centenario Cunqueiro 1911·2011