3 de novembro de 2011

Álvaro Cunqueiro / Harry Martinson

 

Amo a madeira flotante

Amo a madeira flotante
que dende lonxe chega.
Madeira do Atlántico Norte pulida,
empapada e formada
polo grande oleaxe
perto das costas desertas,
onde os órganos de xelo de Labrador.
Por extravío e terror diante das forzas xordas
busco unión na miña fraqueza.
Pro se houbese sido creado
con forza dabondo pra sobrevivir
como foca na mar da soedade,
entón quixera morrer isolado
coma isolada vai a madeira flotante
e entra murmuriando e púlese na mar,
nas costas de órganos de xelo de Labrador.


Lonxe no mar

Lonxe no mar síntese a primavera ou o verán
          coma un sopro.
As algas flotantes de Florida xermolan a veces
          no verán
e no serán de primavera voa unha cigoña
          cara a Holanda.


O refuxiado

Tendo retornado dende os dentes da morte
coidou que vivía como unha pantasma.
Parecíalle que había
unha culler de máis na mesa.
Mirábase no espello da sopa, dubidando,
e logo comía famento deica ó dibuxo do prato,
unha escena de caza de Joshia Spode o Mozo.
Fóra soaba o corno de caza, era outono,
e aínda seguía cazando algo polo mundo.


Traducido coa axuda de Berit Wöxstrom.


‘Amo a madeira flotante’ e ‘Lonxe no mar’ traduccións de Álvaro Cunqueiro publicadas orixinalmente no Faro de Vigo e despois no libro Flor de diversos, editado por Galaxia en 1991; ‘O refuxiado’ publicada no Faro de Vigo o 30 de setembro de 1979.

  Centenario Cunqueiro 1911·2011