Desperteime con esta cabeza…
Desperteime con esta cabeza de marbre entre as mans,
os brazos cansos, e non sei onde pousar.
Namentras saía do sono asolagábame no sono,
así as nosas vidas axuntáronse e quen poderá a arredarnos?
Miro prós ollos: nin abertos nin pechados,
e falo á boca que non sabe deixar de falar,
e recollo as meixelas que furaron a pel.
Outra forza non teño.
Vanse as miñas mans pra volver cáseque sen dedos.
Astianacte
Xa que tes que partir, leva contigo ó teu fillo,
ó nacido á sombra do plátano,
o día en que soaban trompetas e brillaban armas
e os cabalos, sudando, estiraban o pescozo
pra poder beber a mansa auga verde.
As oliveiras coas enrugas dos nosos pais,
as rocas coa sabiduría do noso país
o sangue do noso irmán, vivo na terra,
era unha ledicia certa, un orde xeneroso
prás almas que coñeceron a súa oración.
E agora que te vas, que chegou o día da renda pagar,
cando ninguén sabe a quen matará e como caerá,
leva contigo ó fillo nacido á sombra do plátano
a que aprenda a coñecer as arbres.
Versións feitas a partir da traducción inglesa.
Traduccións de Álvaro Cunqueiro publicadas orixinalmente no Faro de Vigo e despois no libro Flor de diversos, editado por Galaxia en 1991.
Centenario Cunqueiro 1911·2011
0 comentarios:
Deixar un comentario na entrada