Amosando publicacións coa etiqueta letras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta letras. Amosar todas as publicacións

15 de marzo de 2013

Emily Dickinson

Bronze and Blaze

Escarab02

Graffiti no muro de obra da actual Torre Agbar, Plaça de les Glòries,
Barcelona, setembro 2005

 

       
 

Of Bronze − and Blaze −
The North − Tonight −
So adequate − it forms -
So preconcerted with itself −
So distant − to alarms −
An Unconcern so sovereign
To Universe, or me −
Infects my simple spirit
With Taints of Majesty −
Till I take vaster attitudes -
And strut upon my stem −
Disdaining Men, and Oxygen,
For Arrogance of them −

My Splendors, are Menagerie −
But their Competeless Show
Will entertain the Centuries
When I, am long ago,
An Island in dishonored Grass −
Whom none but Beetles − know.

 

De bronce e brillos
o Norte esta noite,
tan suficiente na súa forma,
tan compracido en si mesmo,
tan distante ós sinais,
en tan soberana indiferenza
ó Universo, ou a min,
infecta o meu espírito sinxelo
con máculas de maxestade
ata me levar a actitudes máis altas
e a alardear no meu poleiro,
desprezando os homes, e o osíxeno,
na arrogancia súa
.

Os meus esplendores son humildes,
mais o seu inigualábel espectáculo
deleitará os séculos
cando eu sexa, tras moito tempo,
unha illa na herba macelada
que tan só os escaravellos coñezan.

 

 

Emily Dickinson ~ wikipedia

25 de novembro de 2012

Anxo Angueira

Que foi de María?

As Sagres todas perdéronse sementadas trala pasante do Carreiro. O sol cenital escacha os espellos brancos das areas da Vionta. Aboia o con de Noro xigantesco, furado por Excalibur, entre xerfas papexantes, coma un faro imperdible. Deitada no azul de Sálvora, o mar das despedidas, unha llla de todo, a illa dos cabalos bravos, ceibes do monte, navega lene, cara a Aguiño para atracar no peirán encaixada entre a Covasa e o con das Vieiras.

─Que foi de María, Lens?

Por couse, o pinal de Tragove ficou xa dúas singraduras a barlovento e están a piques de se perderen os portos dos Padroneses e Meloxo do Grove. O Pombeiro, despexado e quente, enxuga as ás abertas de corvos mariños e araos dos cons. Unha man de crías de carráns patuxan nos Pateiros.

─Resiste coma unha muller, fode coma unha muller, sofre coma unha muller, pero chora coma unha pícara.

─Iso xa o sabía.

◊ ◊ ◊

 

Fragmento de Iria de Anxo Angueira
publicado por Xerais


Manuel Rodríguez Alonso, A épica dos traballadores, galiciaconfidencial.com

 

Vionta é a meirande das illas medianas, cuns 200 metros de ancho por uns 600 de lonxitude; o curuto máis alto, de 12 metros de altura, coñécese como Galo de Vionta. O illote de Noro, moi próximo, ten forma de montículo piramidal. A súa face ameazante, de estrañas e impoñente figuras, fixo xurdir a crenza lendaria de que a Santa Compaña accedía a este noso mundo a través deste illote. Outra das illas medianas, de menor sona, é a Herbosa, que se ergue ata os 16 metros no seu punto máis alto.

A illa de Sagres, máis preto da costa, en fronte á punta Falcoeiro, é moi pedregosa. Sobre ela tamén circula algunha que outra lenda, a máis coñecida das cales é a que dá nome a unha rocha de fisionomía singular: o Home de Sagres. A historia conta que o home de Sagres e o Falcoeiro anhelaban o amor dunha mesma muller; os dous pelexaron e varias partes do corpo do vencido foron parar ao mar, preto do lugar da loita, dando orixe a moitas denominacións. Así, as moas foron dar ao Carreiro, os cairos caeron máis aló dos Prexeiros e as Quixadas preto da punta de Couso. O Home de Sagres púxose a descansar na illa que lle pertencería por dereito propio para sempre.

Da web do concello de Santa Uxía de Riveira, riveira.es

 

Iria ~ Xerais

29 de xuño de 2012

Anxo Angueira

Pola Arousa arriba

 Xan Lonxe - Raio na dorna, 2012
Xan Lonxe, Raio na dorna, 2012

 

Iria
novela de Anxo Angueira
publicada por Xerais

 

Tódolos afogados que aparecen neste libro con nomes e apelidos son reais.”

►Iago Martínez, Entrevista a Anxo Angueira, elpais.com

▼Pola Arousa abaixo

 

[O Lugués]

Era de aquí da Arousa e chamábanlle o Lugués. Aquela noite… Aquela noite fora de tronada. Oíase que bruaba o mar de Corrubedo. Non se fai acordanza de noite coma aquela. Agora que a mañá fora de calma. O caso é que o Lugués foi á luzada. Saíu de madrugada para os polbos. Era destemido. Ía con cambelos. Ben, non sei si saíu para os polbos con cambelos ou para o choco coa femia do ramo. Que máis ten! Igual debía ser. O cambelo, parecido á raña, é un pau con chumbada de pedra e leva carnada de nocra. A nécora é o que máis lle gusta ó polbo. E mira ti que cando iamos co bou ó pateiro e chegabamos con el, que o querían para esterca-las leiras, había quen dicía que non chos quero que ten moita nocra. Os polbos son listos coma os allos. E se foi no seu tempo, pola hora que se botou ó mar, igual ía ós chocos. Coa femia, con dúas femias, unha por cada banda, o choco no seu tempo entra coma un fuso. Carallo se non entra. E si, o Lugués tamén era ben femieiro. Apañaba as femias co ramo, cun ramo de piñeiro, un verde ramo. Espetáballe o sedal no cu do manto e pasábao pola caverna. Botaba unha o dúas por cada banda, amarrando a sedela a unha vara, a un tancón que levaba atravesado na dorna que sobresaía aínda ben un algo polas bordas. Isto no seu tempo, por marzo ou aí. E entón veña remo e veña as femias todas espantrigadas chamando nos machos pola ría adiante. O mellor é non usa-la francada para non feri-la femia. Colles un truel e arriba co macho. Se xa están apegados, sóbe-los dous, sepáralos e volves botar ó mar a femia. Si, o Lugués era ben femieiro. Pois na madrugada de aquela noite de torbón o Lugués foi ó mar. Saíu do Porto do Campo con rumbo sur. Estaba na zona de Quilma, onda a enseada da Brava e as Aceñas. O caso é que a tronada non debera pasar de todo. E podía esta-lo mar ben calmo. Podía. Non se fai acordanza de caso coma el. Estaba o Lugués na súa dorna ós polbos con cambelo ou estaba… que máis ten! Estaba e veulle enriba un raio que o fulminou. Non se fai acordanza. Sería o isqueiro. Sería. Sería o que fose. O caso é que de mañá apareceu morto. Ían os do rastro para as Serradelas de Guidoiros deixando por fóra o illote do Camallón e alí o viron contra as Aceñas. O Lugués estaba queimado enriba da tilla, negro negro, negro…

―Coma un chamizo.

Si, negro coma un chamizo. A dorna, furada, no panel da cadeira, houbo que traela entre augas. O mar parecía de calma. Debeu ser un raio perdido que o ceo se esquecera de botar de noite. E mira que o mar é grande. E a Arousa é grande. E a Brava é grande. E todo é grande en comparanza cunha dorna. Unha dorna non é nada neste mundo. E aínda dentro dunha dorna… Pois foille tocar ó malpocado do Lugués. Aquela luzada súa, de femia ou polbo, foi a derradeira.


Fragmento de Iria (páxinas 134-135)

 

Anxo Angueira  ~ wikipedia

.

29 de maio de 2012

Anxo Angueira

Pola Arousa abaixo

Rei do Mar
O galeón Rei do mar  (blog A.C.D. Dorna)

 

Iria
novela de Anxo Angueira
publicada por Xerais

 

Agora na proa, Lens e o mariñeiro envergan e arman a trinqueta e o foque nos estais do caperol e no da punta do bauprés. Largan escotas por couse para a empopada. Miguéns caza a escota da maior. O patrón, agora xa no leme, sen abadona-la paipa, corre  a argola cara a couse no varón. Miguéns repasa aparellos, cabos e nós. O rapaz asubía. Renxen táboas e relingas. O Iria por fin colle aire e respira, subindo na devalante e no nortiño. Foise a néboa e maila noite. Faise día, un chumbo fusco, arrefriado, que tingue de gris os lenzos do galeón, as chemineas das fábricas de Catoira, o esteiro do Ulla. E o Iria colle aire e unha reprise entrecortada, camiño do mar da Arousa, camiño do barro ou da madeira ou do sal ou do que non se sabe. Camiño dun infinito de illas, insuas e illotes, de cons e morosas, de agullas, aguillóns, aguiúnchos e angueiros, de areas, arnelas, arnosas, areosos, areais, ríos, regatos, vaos, bancais, bicos, bois, cabalos, bolos, cabezos, lombos, carreiros, castelos, castros, comboas, concheiros e conchidos, cousos, cruces, cubertos, fontes, esteiros, forcadas, fuciños, furados, navallas, novas, laxes, lobeiras, ostreiras, polbeiras, mesas, pombeiros, pateiros, praias, pedras, pedriñas, petóns, covas, baixos, abrigos, puntas, puntais, pragueiros, peiráns, portos, pozos, ribeiras, saltos, santos, seixos, sinais, torres, touzas, remexedoiros. Camiño dunha infinita, enferruxada, revirada rede de rías dentro da ría labirinto Arousa.”

grammicolepsis

Mañá de día limpo do verán primeiro. A maré está no socheo. Cabalos ceibos pacen na herba, nas flores e nos lirios, no toxo cativo da insua das isuas, a insua de Bexo e  da Vacariza. As dornas e os mecos de Porto, Cesures, Requeixo e da Ponte soben polo lombo da Rubia regresando, a bolinar, cheos os paneis e as cadeiras de robaliza, solla e muxo. De muxo batalleiro e franco, que ten a cuncha dourada na cabeza, e do muxo de fondo e lama, o galludo e bocacho, menos apreciado. Regresan dos lances de luzada por tramallo de balar e tallada de canas. O norte da mañá enche as relingas e o ollado do remo do temón nos mecos canta no tolete de popa coas viradas. Por riba dos mecos e das dornas soben do mar carráns e pardelas. Apegada á ribeira de Vilar, unha frecha rasante de corvos mariños adianta lambendo o canaval de xuncos e canivelas. Corvos do monte pousan nos brazos dos cruceiros e no bico das cavernas dun costal, afundindo entre a lama e a herba da ribeira na punta dos Paxaros, ósos negros dun vello galeón de antano, brillantes ó sol limpo da mañá.”

pezballesta

Hai afogamentos que ceban a súa crueldade, se é do caso, nunha mesma familia. A min vénseme ás mentes neste tema a acordanza dos de Merino, os de Merino da Arousa. Os de Merino deste afogamento foron o pai, Ramón Núñez Suárez, de corenta e catro anos, e os seus fillos Sergio Ramón, de vinte e dous, e Mariano, de vinte e un. Patroneaba o barco que era de seu, José Dios Outenda, vinte e catro anos, o Ferreiriño. Afogaron os catro.
O barco era do mexillón, que foran levar unha boa carga del ó Caramiñal. Pois cando viñan de volta para a Arousa, alí pola Ostreira, que é un illote que xa ten dado ben de sustos, o barco afundiu e os catro tripulantes, os catro da Arousa, afogaron…

 

►Dionisio Pereira, Presentación de ‘Iria’, blog A.C.D. Dorna
►Francisco Martínez Bouzas, «Iria», homenaxe á lingua nacional, novenoites.wordpress.com
►Francisco Martínez Bouzas, “A súa intacta forza comunal”, novenoites.wordpress.com

▲Pola Arousa arriba

 

xerais.es